Monday 29 de April de 2024

Víctor Riobó e María Jesús Gestido, gañadores da I Carreira Popular Pilar Barreiro Senra


Teresa Villaverde agradeceu a gran participación desta primeira edición e desexou que “o próximo ano o proxecto siga adiante porque é moi positivo para a promoción do deporte en Lousame e na comarca”

O atleta marinense Víctor Riobó Villanueva e a canguesa María Jesús Gestido inscribiron os seus nomes como os primeiros gañadores da I Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, celebrada esta mañá no concello de Lousame e na que tomaron parte case catrocentos atletas chegados de toda Galicia. O atleta do Club Atletismo Santiago dominou a proba dende o primeiro momento e impúxose cun tempo de 32 minutos e 55 segundos, o que supón un promedio de 3 minutos 18 segundos por quilómetro. Pola súa banda, a atleta do Club de Atletismo Vila de Cangas entrou na 18ª posición da xeral, cun tempo de 37 minutos e 19 segundos, o que supón un promedio de 3 minutos e 44 segundos por quilómetro.

A proba estivo dominada dende o primeiro momento por Riobó, a quen só Robertas Geralavicius (Sociedad Gimnástica de Pontevedra) foi quen se seguir o ritmo. Finalmente, o atleta lituano entraría en segunda posición a 12 segundos de Riobó (33 minutos e 7 segundos). O terceiro clasificado da xeral foi un atleta local: Fernando Pérez Fernández, do equipo Alejandro Gómez-Purina, cun tempo de 33 minutos e 48 segundos. Cayetano García Blanco (AD Porto do Son) e Angel Maceiras Lago (Sar Vermú Petroni) ocuparon o cuarto e o quinto posto da xeral.

Na categoría feminina, detrás de María Jesús Gestido chegou a compostelá Raquel Suárez Pedrosa (Ría de Ferrol), cun tempo de 38 minutos e 22 segundos. Suárez Pedrousa chegou no posto 34 da xeral, a case un minuto de Gestido. Completou o pódio feminino Alba Baamonde Otero, do Coffee Time Noiés.

Agradecementos

Pilar Barreiro Senra, madriña da proba, agradeceu o esforzo realizado polo Concello, traballadores municipais e voluntarios na organización desta proba, así como a presenza de tantos afeccionados ao atletismo esta mañá en Lousame, sobre todo porque “moitos viñestes de moi lonxe e, con iso do cambio de hora, tivestes que madrugar moito”. Barreiro Senra recoñece que esta carreira “é un proxecto do que se falou hai anos, que dá moito traballo poñelo en marcha e que espero que poida seguir para o ano”. Neste sentido, anunciou que “intentarei participar para o ano que ven e que así poidamos desfrutar todos xuntos”.

Un compromiso que Pilar Barreiro asumiu no podio de gañadores, tras recoller na compaña das súas dúas fillas un trofeo coa súa figura como corredora e un ramo de flores da man da alcaldesa Teresa Villaverde e do concelleiro de Deportes, Manuel Ourille. Villaverde recolleu o guante lanzado por Barreiro e asegurou que “cunhas eleccións a dous meses non vou dicir que vai pasar o próximo ano. O único que espero é que se siga co proxecto porque é moi positivo para promover o deporte en Lousame e na comarca. E, polo visto hoxe e por outros resultados que se están obtendo, podemos asegurar que temos unha boa canteira de deportistas”.

Villaverde agradeceu aos participantes o “gran ambiente de compañeirismo e deportividade que reinou durante toda a proba” e tivo palabras de especial agradecemento para os técnicos municipais, voluntarios e membros de Protección Civil que fixeron posible co seu labor que a proba se desenvolvese sen ningunha incidencia.

Infantís e cadetes

No que atinxe ao resto de probas, a única que non se disputou foi a dos xuvenís, que inicialmente ían correr 5 quilómetros pero que finalmente se integraron na categoría absoluta, completando os 10 quilómetros dun percorrido que todos os atletas coincidiron en cualificar como moi bonito, aínda que esixente nalgúns tramos. De feito, o primeiro clasificado da categoría xuvenil, Yeray Lorenzo García (Club Atletismo Noia) e veciño de Outes chegou nun meritorio posto 23 da clasificación xeral, cun tempo de 37 minutos e 48 segundos, por diante de atletas de renome como Esther Pedrosa, Ezequiel Mosquera ou a propia María Jesúas Gestido. O segundo xuvenil foi o carnotán Brais Lago Trillo (M Olimpia Cee) e o terceiro o noiés Brais Insua Regueira.

Na categoría cadete, o triunfo foi para Roberto Trigo Lores, corredor independente de Meaño, cun tempo de 13 minutos e 31 segundos en percorrer os 3,5 quilómetros da proba. Segundo foi Jacobo Dopazo Ferreiro, tamén corredor independente de Pontecesures, cun tempo de 14 minutos e 1 segundo. Terceira na xeral e gañadora da proba infantil feminina foi Alejandra Domínguez Martís, corredora independiente da Pobra Do Caramiñal, cun tempo de 14 minutos e 55 segundos. Quinto da xeral foi o gañador da categoría infantil: Daniel Losada Freiria (Usc Santiago De Compostela) cun tempo de 15 minutos e 3 segundos. A coruñesa Sara Carro Bermúdez, corredora independente, gañou a proba cadete feminina cun tempo de 16 minutos e 14 segundos.

O Concello de Lousame entregou medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a alevín, así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes na carreira e un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba.